Este proxecto solidario ten diversas accións estratéxicas coas que se pretende chegar a toda a cidadanía:
Como ven sendo habitual:
- Colocamos os carros nos supermercados de Ourense para a recollida de alimentos. Lembramos que o ano pasado se colocaron 48 supermercados.
- Repartimos petos por distintos establecementos da cidade, para a recollida de cartos, que logo se transforman íntegramente en alimentos. O ano pasado colocamos 295 petos.
- Un ano máis, continuamos co reparto tamén de caixas para a recollida de alimentos en distintos establecementos e entidades da cidade que colaboran con nós.O ano pasado tivemos 66 puntos de recollida.
- Outro dos puntos fortes da campaña tamén son os eventos deportivos solidarios, organizados por distintas entidades e nos que se recollen quilos de alimentos, xoguetes ou diñeiro (que se converte en alimentos).
- Continuamos e reforzamos a campaña de Peso x Quilos que puxemos en marcha hai dous anos cos representantes dos partidos políticos e este ano abrimos a moitas máis persoas e representantes da cidade que doan o seu peso en quilos.
- Continuamos e reforzamos a campaña de Lazos x Quilos: esta campaña levada a cabo en colaboración coa asociación de perruquería e estética de Ourense ten lugar nas distintas perruquerías onde os clientes poderán adquirir un lazo solidario coa OQ de cor laranxa por 2€ a maiores do prezo do traballo que vaian a realizar.
-
Este ano contamos coa "báscula viaxeira", onde entidades e colectivos que se animen poderán recibir no seu local a bascula da Operación Quilo para que se poida pesar quen o desexe e doar en quilos de alimentos o seu peso. É a primeira vez que o facemos e invitamos a colectivos a comprometerse con este novo xesto.
Queremos recordar que o ano pasado nesta campaña da Operación Quilo recolleronse:
20.184 quilos de alimentos;
1.100 quilos de xoguetes.
2.300 quilos de roupa (que non se pediu).
Todo o diñeiro recollido (6.269,16 €) inverteuse en alimentación.
Desde a Operación Quilo de AMENCER colaborouse con 16 Cáritas Parroquiais e dende elas atendéronse a 1.042 familias formadas por 3.184persoas. |