Convencidos de que en grupo temos máis posibilidades de medrar, potenciamos os grupos como lugar onde vivir experiencias xuntos/as, compartir as nosas ideas e proxectos, reflexionar e afondar en diversos aspectos que nos interesan…

Somos conscientes de que cada idade ten a súa identidade propia, e por iso propoñemos grupos distintos que forman un Itinerario de Educación na Fe e nos valores humanos.

Para o equipo de animación e tamén para a mocidade e xente adulta que pertence a Amencer buscamos fórmulas para seguir medrando en grupo dende as diversas perspectivas e intereses.

DESCRICIÓN: O proxecto Trisquel é, en realidade, un itinerario de educación no tempo libre que ten catro grandes etapas: o movemento “Saltimbanquis” (para rapaces e rapazas de 6 a 8 anos), o movemento “Andaina” (para rapaces e rapazas de 9 a 11 anos), o movemento “ADS” (para rapaces e rapazas de 12 a 14 anos) e o movemento “Grupos Xuvenís de Catecumenado” (para mozos e mozas de 15 a 19 anos de idade).

OBXECTIVO: Madurar como persoas e cristiáns a través dunha metodoloxía de compartir tempo e vida en grupos de tempo libre educativo.

HORARIO: Cada movemento ten o seu horario propio. O equipo de animación de Trisquel xúntase trimestralmente nunha asemblea de formación e de programación conxunta. A coordinadora de Trisquel xúntase cun ritmo trimestral (na medida do posible).

ACTIVIDADES: Actividades de grupo de ritmo semanal cos rapaces e rapazas, coa xente moza e cos animadores e animadoras. Actividades propias de cada movemento. Asemblea trimestral de animadores/as. Folla voante “Trisquel”. Outras actividades por determinar. Reunións trimestrais da Coordinadora.

 

Asembleas trimestrais Trisquel

Unha vez ao trimestre xuntámonos os animadores e animadoras que formamos Trisquel (Saltimbanquis, Andaina, ADS e Catecumenado) para reflexionar, formarnos nas nosas tarefas como animadores e animadoras cristiáns de tempo libre, ao tempo que avaliamos o trimestre anterior e programamos o seguinte.

CALENDARIO:Un día en outubro, antes do inicio das actividades de grupos de TRISQUEL, medio día nas vacacións de Nadal, un día nas vacacións de Semana Santa.

 

Xuntanza IEF

Arredor da festa de Domingo Savio (6 de maio) todos os grupos de Saltimbanquis, Andaina e ADS de Galicia xuntámonos nunha localidade galega onde temos un día de xuntanza. Tecnicamente son tres xuntanzas na mesma localidade con algún xesto común normalmente na acollida e despedida.Coordinaos a CZIEF.

CALENDARIO: Sábado preto do día de Domingo Savio (6 de maio)

Verán IEF

En período de vacacións de verán ofértase unha fin de semana longa para Saltimbanquis e 9 días para Andaina, ADS e Grupos xuvenís de catecumenado. Son campamentos abertos para todos os rapaces e rapazas dese movemento de Galicia en Saltimbanquis e de toda a zona do Noroeste para Andaina, ADS e Catecumenado. Son coordinados pola CZIEF.

CALENDARIO:desde aúltima fin de semana de xuño (Saltimbanquis) até finais de xullo.

DESCRICIÓN: Movemento educativo de nenos e nenas de 6 a 8 anos de idade. O grupo de rapaces reúnense ao carón da figura de neno de Xoán Bosco e a súa cuadrilla de amigos. A finalidade e educar nos valores humano cristiáns  a través dos xogos e da convivencia.

OBXECTIVO:Aprender a xogar e a respectarnos nun ambiente solidario.

HORARIO: Venres, de 18:00 h. a 19:30h.

O horario do equipo de animadores e animadoras é de 17:00h. a 20:00h.

ACTIVIDADES: Facemos actividades de ritmo semanal como xogos, obradoiros, festas, saídas pola cidade, xincanas, aventuras, campamento de verán,… e tamén temos actividades conxuntas co resto de grupos do IEF.

DESCRICIÓN: Actividades destina­das a nenos e nenas de 9 a 11 anos de idade, coa intención de que o pasen ben e ao tempo medren segundo uns valores humano-cristiáns a través das Regras de Ouro do Bosque Andaina.

OBXECTIVO:Aprender e medrar en grupo por medio de xogos e actividades creativas e dinámicas, empregando as Sete Regras de Ouro do Bosque Andaina, cunha dimensión humano-cristiá.

HORARIO: Sábados, de 11:15h. a 13:00h.

O horario do equipo de animadores e animadoras é de 10:30h. a 13:45h.

 

ACTIVIDADES: Facemos actividades de ritmo semanal como xogos, competicións, actividades deportivas, concursos, obradoiros, saídas pola cidade, xincanas, aventuras, veladas, campamento de verán,… e tamén temos actividades conxuntas co resto de grupos do IEF.

DESCRICIÓN:Actividades para rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 12 e os 14 anos. A vida do grupo xira arredor dun modelo, Domingo Savio, e do seu lema: “sempre ledos”.

OBXECTIVO:Crear grupos de amigos e amigas fomentando as relacións humanas entre eles dende valores cristiáns.

HORARIO:Sábados, de 11:15h. a 13:00h.

O horario do equipo de animadores e animadoras é de 10:30h. a 13:30h.

ACTIVIDADES:Diversas actividades como poden ser aventuras e actividades de cociña, seguridade viaria,  casino, dinámicas de grupo, escape rooms, xogo da democracia: “Parlamento ADS”,  “Urbano Acampada”. As actividades son de ritmo semanal.

DESCRICIÓN:Grupos de mozos e mozas de 14 a 19 anos de idade que queren facer un proceso de maduración persoal a través da experiencia en grupo con xente da súa idade, e de acordo cunha opción de Fe

OBXECTIVOS:

  • Medrar como persoas e como cristiáns.
  • Adquirir unha visión da vida como compromiso cos demais.
  • Optar por vivir desde unha clave cristiá.

ACTIVIDADES: Reunións semanais, eucaristía xuvenil mensual, convivencias, excursións, Xuntanza, Un nadal de verán, Pascuas, cursiños-campamentos de verán…

DESCRICIÓN:Son grupos de referencia cristiáns para mozos e mozas adultos que desexan compartir con outros mozos e mozas un camiño de maduración humana e cristiá en clave comunitaria e salesiana

 

OBXECTIVOS:   

  • Facer comunidade.
  • Ser grupo de referencia de fe.
  • Compartir un compromiso social.

HORARIO:Dependendo de cada grupo de comunidade xuvenil.

 

ACTIVIDADES:Xuntanzas periódicas da comunidade, experiencias para afondar na fe locais ou por zonas, acompañamento persoal, participación en actividades de Amencer…

DESCRICIÓN:Dende o inicio de AMENCER traballouse con grupos de rapaces e rapazas menores de 14 anos. Hoxe en día, é tal o número de participantes e de actividades que se ofertan para estas idades, que vimos necesario coordi­nar as actividades comúns que realizamos os grupos infantís de Amencer (Buxaina, Andaina e ADS) a través dunha comisión.

OBXECTIVOS:

  • Organizar e coordinar actividades comúns nas que participan os grupos infantís de AMENCER.
  • Sentirnos AMENCER cara a dentro e cara a fóra dos grupos infantís.

CALENDARIO:  Reunión trimestral do equipo que conforma a Coordinadora.

 

ACTIVIDADES CONXUNTAS:

DIA DA FAMILIA

Actividade inaugural destinada ás familias, tanto dos maiores coma dos pequenos, dos grupos de Saltimbanquis, Andaina, ADS e Catecumenado; na que se organizan actividades para todas as idades, un encontro coas familias, un gran xesto de inicio para os rapaces, e rematando o día cunha merendola-cea.

CALENDARIO: Un sábado de Outubro (todos).

 

ACTIVIDADE CONXUNTA ATP SAMAÍN

Cando a festa de Samain inclúe a fin de semana, realízase unha actividade conxunta dos tres grupos de Saltimbanquis, Andaina e ADS aberta á cidade cunha temática referida á festa de Samain (tunel do terror, obradoiros terroríficos, cabazos e cabazas…).

CALENDARIO: Sábado preto da noite do 31 de Outubro (todos).

 

ACTIVIDADE CONXUNTA ATP SAN MARTIÑO

Os anos que a festa de san Martín abarca a fin de semana, realizase unha actividade conxunta dos tres grupos de Saltimbanquis, Andaina e ADS aberta á cidade cunha temática referida á San Martín, as castañas, ao milagre das castañas de don Boscoetc

CALENDARIO: Sábado preto do 11 de Novembro (todos).

 

MAGOSTO INFANTIL

Aproveitamos a festa local de San Martiño para que os rapaces e rapazas de Saltimbanquis, Andaina e ADS entren en contacto coa Natureza e convivan cos seus compañeiros e compañeiras arredor do lume e as castañas.

CALENDARIO: O primeiro sábado de Novembro (todos).

 

MEGAXOVE

Historicamente Expourense organizaba unha feira infantil e xuvenil denominada Megaxove, onde Amencer dinamizaba varios stand con outras entidades e organizacións. O Sábado da ponte da Constitución-Inmaculada ós rapaces e rapazas de Saltimbanquis, Andaina e ADS ían en bus até Expourense e visitaban e xogaban en todos os stand de megaxove. Desde este ano depende do orzamento anual de Expourense para organizalo ou non. En decembro do 10 non se realizou.

CALENDARIO: Normalmente o sábado da Constitución-Inmaculada de Decembro (todos).

 

ACTIVIDADE CONXUNTA INMACULADA-CONSTITUCIÓN

Cando as festas da Constitución-Inmaculada incorporan un sábado realízase unha actividade conxunta dos tres grupos de Saltimbanquis, Andaina e ADS aberta á cidade cunha temática aberta

CALENDARIO: Sábado da Constitución-Inmaculada de Decembro (todos).

 

PISTA DE XEO

Aproveitando a instalación da pista de xeo no CCPV os rapaces e rapazas de Andaina e ADS teñen unha mañá de diversión neste período de achegamento ao Nadal.

CALENDARIO: Primeiro sábado de Decembro (Andaina e  ADS).

 

ACTIVIDADE CONXUNTA OQ

Desde este decembro do 2019 os grupos de Andaina, ADS e catecumenado apoian a Operación Quilo con actividades autónomas como son animar aos que entran nos supers, CCPV… a depositar algún quilo de alimentos; organizar alimentos e xoguetes…

CALENDARIO: Sábado de Decembro antes de que remate a OQ (Andaina, ADS e catecumenado).

 

SEMENTADORES DE ESTRELAS E ORACIÓN FAMILIAR DE NADAL

Os rapaces e rapazas de Saltimbanquis, Andaina e ADS, xunto co grupo de músicos de Amencer e outros grupos cristiáns da cidade, lembran a todos os ourensáns e ourensás que Xesús nace cada ano. Xuntámonos todos nunha celebración do envío na Parroquia Mª Auxiliadora e posteriormente repartimos adhesivos en forma de estrela, cantamos panxoliñas e visitamos aos MCS. Rematamos na Praza Maior facendo unha estrela humana xigante.

Ao chegar a Amencer os rapaces e rapazas participantes e as súas familias temos unha oración creativa e adaptada a eles do Nadal onde todos cantamos panxoliñas e rematamos compartindo xuntos algo de turrón.

CALENDARIO: O sábado en período lectivo máis preto de Nadal (todos).

 

FESTA DE REIS INFANTIL

Os rapaces e rapazas de Saltimbanquis, Andaina e ADS teñen a súa festa do “Rei sorpresa” con xogos musicais e/ou cooperativos e un agasallo que cadaquén achega para compartir cun compañeiro/a. 

CALENDARIO: Sábado máis próximo despois da festa de Reis, 6 de xaneiro (todos).

 

FESTA INFANTIL “XOÁN BOSCO EN AMENCER”

Celebramos a festa do fundador dos Centros Xuvenís Salesianos, organi­zando diversas actividades reli­xiosas, culturais e lúdico-festi­vas para os rapaces e rapazas de Saltimbanquis, Andaina e ADS.

CALENDARIO: O sábado máis preto á festa de S. Xoán Bosco, 31 de xaneiro (todos).

 

ENTROIDO INFANTIL

Unímonos ao ambiente de festa da cidade coa nosa pro­pia comparsas de Saltimbanquis, Andaina e ADS. Os rapaces e rapazas participan activamente na confec­ción dos seus disfraces. Saltimbanquis e Andaina xuntos, e ADS pola súa conta. Estes últimos anos, celebrámolo todos xuntos, con rapaces/zas da cidade, nun parque da cidade.

CALENDARIO: Sábado de Entroido (todos).

 

EXCURSIÓN Á NEVE

No mes de febreiro todo o Centro Xuvenil vai de excursión a Manzaneda a pasar un día na neve. Nesta ocasión únense tamén os grupos xuvenís e as familias que queiran.

CALENDARIO: Sábado (normalmente o último) de febreiro (todos).

 

NOITE TRISQUEL

Aproveitando que no segundo trimestre resulta complicado facer unha saída de fin de semana, optamos por ter unha actividade especial que consiste en quedar un venres ás 22:00h. para facer xogos e quedar a durmir os Saltimbanquis, Andaina e ADS. Os rapaces e rapazas cean nas súas casas e marchan pola mañá, ás 9:00h., para almorzar tamén na casa. Como sabemos que para  algúns dos nenos/as é novidade, aproveitamos esta ocasión para que poida ser a primeira experiencia de durmir fóra da casa cos compañeiros e compañeiras, e que lles permita vivir unha experiencia positiva que os/as anime a participar noutras saídas de dous días e nos campamentos de verán.

CALENDARIO: Normalmente, unha noite do venres ao sábado, no 2º trimestre, aínda que ás veces, se cae en ponte, é a noite do xoves ao venres (todos).

 

ACTIVIDADE CONXUNTA SAN XOSÉ

Cando a festa de san Xosé é non laborable e achegase a unha fin de semana organizase unha actividade conxunta ese sábadona que participamos os tres movementos. Soe ter como centro de interese a festa do pai.

CALENDARIO: O sábado preto do 19 de marzo que sexa non laborable (todos).

 

CELEBRACIÓN DE SEMANA SANTA

Historicamente preto da Semana Santa, os rapaces e rapazas dos grupos de Andaina e ADS tiñamos unha eucaristía en clave catequética que trata de explicar o senso destas datas tan importantes no ámbito cristián.

CALENDARIO: O sábado da fin de semana anterior ao Domingo de Ramos (Andaina e ADS).

 

 

FESTA DO PANO

No terceiro trimestre os rapaces e rapazas de  Saltimbanquis, Andaina e ADS, xuntos teñen unha convivencia de fin de semana en Allariz. O domingo participan as súas familias na eucaristía e no xantar. As familias e na súa ausencia os animadores impoñen os símbolos dos grupos respectivamente ao seu curso: pano, chapa e pelota para Saltimbanquis; pano, chapa e pulseira para Andaina; pano e pasador para ADS.

CALENDARIO: Unha fin de semana do 3º trimestre (todos).

 

ACTIVIDADE CONXUNTA 1º MAIO

Cando a festa do traballo achegase a unha fin de semana organizase unha actividade conxunta ese sábado na que participamos os tres movementos. Soe ter como centro de interese o día do traballo ou a festa dos maios.

CALENDARIO: O sábado preto do 1 de maio (todos).

 

ACTIVIDADE CONXUNTA LETRAS GALEGAS

Cando a festa das letras Galegas é non laborable e achegase a unha fin de semana organizase unha actividade conxunta ese sábado na que participamos os tres movementos. Soe ter como centro de interese a cultura e o idioma galego.

CALENDARIO: O sábado preto do 17 de maio que sexa non laborable (todos).

 

FESTA INFANTIL DE MARÍA AUXILIADORA

En torno á festa de Mª Auxiliadora realizamos xogos de patio aos que  convidamos ás familias dos rapaces e rapazas de Saltimbanquis, Andaina e ADS.

CALENDARIO: O sábado pola tarde máis preto da festa de Mª Auxiliadora, 24 de maio (todos).

 

FEIRA SEN FUME

Organízase unha actividade lúdica na que se promoven valores en clave de prevención do tabaquismo. Realízase nun espazo aberto da cidade, para que participen os rapaces de 6 a 14 anos que o desexen, ademais de Saltimbanquis, Andaina e ADS.

CALENDARIO: O sábado máis preto do Día Mundial sen Tabaco, 31 de maio (todos).

 

XINCANA DE AUGA

A penúltima actividade na que participan os grupos infantís (Saltimbanquis, Andaina e ADS) antes de que cheguen os campamentos de verán, é unha xincana de auga na que teñen que superar unha serie de probas nas que a auga é o elemento estrela. Todas as persoas participantes teñen que ir en traxe de baño, con chancletas e toalla, porque a molladura está asegurada.

CALENDARIO: Sábado do mes de xuño anterior á saída de fin de actividades (todos).

 

SAÍDA FIN DE ACTIVIDADES

No mes de xuño, Saltimbanquis, Andaina e ADS facemos unha saída de día enteiro, a modo de convivencia e remate das actividades do curso. Nesta ocasión únense tamén os grupos xuvenís e as familias que queiran.

CALENDARIO:  Sábado a mediados de xuño, antes de rematar o curso escolar.