A Asociación Xuvenil AMENCER nace o día 23 de marzo de 1987. Dende as súas orixes, hai 30 anos, é unha asociación xuvenil de ámbito do tempo libre que trata de educar integralmente aos seus destinatarios: nenos e mozos, aínda que indirectamente abrangue toda a sociedade ourensá.
AMENCER move semanalmente unha media de 150 rapaces e mozos en grupos de tempo libre, dende os 6 até os 18 anos de idade. E ofértanse máis de 60 proxectos para todas as idades e centros de interese: música, expresión, solidariedade, medios de comunicación, deporte, etc. Hai un equipo de 60 responsables e animadores que coordinan e traballan de forma voluntaria para levar a cabo todo isto.
Facemos actividades de tempo libre nos grupos do Itinerario, organizamos e colaboramos en actividades que promoven a solidariedade e o compromiso social,participamos en encontros formativos de diversa índole e localización, favorecemos o desenvolvemento artístico-musical dos nosos animadores e destinatarios, potenciamos momentos de encontro e convivencia ao longo de todo o ano, lanzamos actividades abertas a toda a cidade, nas que calquera que o desexe pode participar, informamos de novas e actividades tanto de carácter interno como externo, traballamos en prol da lingua e a cultura galegas, movémonos e organizámonos en rede con entidades, tanto de ámbito salesiano como entidades públicas e privadas, relixiosas e laicas, do noso país. Organizamos a nosa xestión para dar chegado a todo o que poidamos e a todos…
Todo o que facemos, facémolo desde o voluntariado, desde a convicción de que outro mundo mellor é posible, tratando de potenciar e favorecer o protagonismo xuvenil; facémolo por e para os nenos e a xente moza.